Friday 17 de May de 2024

O Concello pon en marcha a Escola de Participación 2022


O programa é un espazo de formación e aprendizaxe dirixido ao tecido asociativo da cidade, aos colectivos que traballan no ámbito social e da participación e á cidadanía en xeral

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación, pon en marcha a Escola de Participación 2022 que nesta edición ofrece cursos e obradoiros sobre distintos aspectos clave para os colectivos e entidades que traballan no ámbito social. Todos os cursos son gratuítos e realízanse en modalidade presencial.

Como novidade, nesta edición impártese un obradoiro de xestión emocional dirixido polo psicólogo Aquilino Lousa. Prográmanse dous obradoiros, o primeiro deles para a cidadanía en xeral e o segundo de maneira específica para a mocidade, que se levará a cabo no espazo xuvenil do Remanso e terá unha idade límite de 30 anos.

Os dous obradoiros que se ofrecen teñen que ver coas actividades que as entidades sociais, colectivos ou particulares realizan en Internet e nas redes sociais. Trátase dun obradoiro práctico sobre comunicación dixital no contorno asociativo e outro sobre seguridade dixital que aborda os principais riscos que implica o uso das redes sociais, tanto a nivel particular, como na administración dos perfís de asociacións e outros colectivos.

Ademais, a Escola seguirá incidindo na importancia do voluntariado como mecanismo habitual de promoción da participación da cidadanía na vida pública. Nesta edición, os talleres impartidos por AFACO estarán dedicados ao voluntariado en relación coa enfermidade de Alzheimer e outras demencias neurodexenerativas.

Completan o programa un taller de lingua de signos avanzado e un taller sobre aforro e eficiencia enerxética. As inscricións poden realizarse desde hoxe ata o 15 de novembro ás 15.00 horas, na páxina web https://www.coruna.gal/participacion

Programa completo

Curso básico de lingua de signos
Dous cursos de coñecemento básico da lingua de signos, estruturado en 3 sesións presenciais de 3 horas, para aprender e practicar os signos de comunicación.
Modalidade: presencial
Duración: 9 horas distribuidas en 3 sesións
Datas e horario:
● Quenda de mañá: 16, 23 e 30 de novembro, das 10.00 ás 13.00 h
● Quenda de tarde: 16, 23 e 30 de novembro das 16.30 ás 20.30 h
Espazo: Centro Sociocultural Ágora
Capacidade: 15 persoas en cada quenda
Imparte: FAXPG
Voluntariado e aspectos sociais da enfermidade de Alzheimer e outras demencias neurodexenerativas

Curso formativo moi completo, estruturado en 5 sesións presenciais, dirixido a voluntariado, familiares e coidadores/as de persoas enfermas de Alzheimer e outras demencias, cun importante compoñente práctico Modalidade: presencial
Duración: 20 horas distribuídas en 5 sesións
Datas e horario:
● Días 21, 22, 24, 28 e 29 de novembro, das 9.30 ás 13.30 h

Espazo: Centro Sociocultural Ágora
Capacidade: 20 persoas
Imparte: AFACO

Obradoiro práctico sobre comunicación dixital no contorno asociativo

Tres obradoiros prácticos sobre comunicación dixital e uso das redes sociais, que inclúen un acercamento á creación audiovisual, guións, escaletas etc., cunha parte práctica de aprendizaxe de uso de ferramentas de gravación e edición audiovisual, así como plataformas de aloxamento e difusión das producións.

Complementarase con información xeral sobre dereitos de autor para usar creacións de terceiros en comunicacións dixitais, emisións de vídeo, podcasts etc.

Modalidade: presencial
Duración: 4 horas
Datas e horario:
● Xoves 24 de novembro, das 17.00 ás 21.00 h
● Martes 29 de novembro, das 17.00 ás 21.00 h
● Xoves 1 de decembro, das 17.00 ás 21.00 h
Espazo: Aula de formación de AtlanTICs, Juan Flórez, 146, entreplanta
Capacidade: máximo de 6 persoas en cada grupo
Imparte: Atlantics
Obradoiro práctico sobre seguridade dixital

Aborda os principais riscos que implica o uso das redes sociais, tanto a nivel particular como na administración dos perfís de asociacións e outros colectivos, ademais de coñecementos básicos sobre dereitos á privacidade, á intimidade ou a propia imaxe, para unha mellor xestión a través das comunicacións realizadas en redes sociais.

Modalidade: presencial
Requisitos: cada persoa deberá levar o seu móbil ou tableta.
Duración: 3 horas
Datas e horario:
● Martes 22 de novembro, das 17.00 ás 20.00 h
Espazo: Centro Sociocultural Ágora
Capacidade: 15 persoas
Imparte. Atlantics
Obradoiro de xestión emocional

Impartido polo psicólogo Aquilino Lousa, para a xestión emocional do enfado, o medo e as emocións. Tratarase o tema da xestión do estrés e a aprendizaxe a vivir en contornos incertos, ofrecendo ferramentas útiles para manexar as diferentes emocións e a ansiedade.

Prográmanse dous obradoiros, o primeiro deles para a cidadanía en xeral e o segundo de maneira específica para a mocidade, que se levará a cabo no espazo xuvenil do Remanso e terá unha idade límite de 30 anos.
Modalidade: presencial
Duración: 4 horas
Datas e horas:
● Luns 21 de novembro, das 16.00 ás 20.00 h (cidadanía en xeral)

● Luns 28 de novembro, das 17.30 ás 21.30 h (mocidade)
Espazo: o primeiro deles no Centro Sociocultural Ágora e o segundo, dirixido á mocidade, no
Remanso.
Capacidade: 15 persoas en cada grupo

Obradoiro sobre aforro e eficiencia enerxética

Obradoiro informativo e práctico sobre empresas distribuidoras e comercializadoras, factura do consumo, aforro no fogar, uso de electrodomésticos etc.
Modalidade: presencial
Duración: 2 horas
Datas e horas:
1. Quenda de tarde: xoves, 17 de novembro, das 17.00 ás 19.00 h
2. Quenda de mañá: venres, 25 de novembro, das 11.00 ás 13.00 h
Espazo: Centro Sociocultural Ágora
Capacidade: 20 persoas en cada quenda
Imparte: Puertas Afuera